Wednesday 08 de May de 2024

Entrega de bandeiras, literatura e concurso polo Día da Patria Galega na Pobra


O Concello da Pobra do Caramiñal festexará o Día da Patria Galega, no 25 de xullo, cunha serie de actividades coas que poñer en valor a nosa identidade. O concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG), anunciou que se fará a entrega de bandeiras galegas na vindeira semana. A veciñanza que desexe dispoñer dunha tan só terá que achegarse ata a casa consistorial.

Outra das propostas que se lanzan dende a Administración local é a presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, quen tamén asistiu ao acto de presentación da programación. Será no 18 de xullo, ás 21.00 horas, na alameda. O historiador, sociolingüista e poeta explicou que a obra recolle as consecuencias que tivo a Guerra Civil no ámbito galego a distintos niveis, entre eles, o lingüístico. Pero tamén se afonda en como esa represión xa viña de anos atrás, remontándose a 1480 cando se prohibe que os escribáns poidan continuar utilizando o galego. Analizarase tamén esta situación no caso concreto da Pobra e como o movemento social conseguiu que o noso idioma avanzase nos diferentes ámbitos a pesar dos obstáculos.

A maiores, impúlsase a segunda edición do concurso Galeguizando TikTok para fomenta-lo uso do noso idioma nas novas tecnoloxías. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e seguir o formato da app TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, deberán anotarse e face-la entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e establécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.

A data límite para a inscrición estipúlase no día 5 de agosto, e unha vez formalizada a mesma, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de rematar o día 15 de agosto. Máis información na páxina web www.apobra.gal.